Synopsis
Todo ben ábrese coa noticia do asasinato de Andrés Fingoy, un rico emigrante galego aspirante á presidencia do Flamengo, no estadio de Maracaná do Río de Janeiro. Na noticia incúlpase como principal sospeitoso ao xornalista Marcos Andrade, un náufrago e poeta namorado do fútbol. Logo de intentar cambiar o mundo en varias aventuras periodísticas en Galicia, Marcos Andrade decidiu procurar novos horizontes en Brasil colaborando no xornal O Globo coas súas crónicas deportivas, nas que defende un fútbol forte e teimoso coma os ventos do norte, alegre coma o son dos tambores que chegan dos mares do sur e de ideas longas coma as ondas do océano. 25 anos despois da súa publicación, Todo ben renace cunha segunda vida tras unha completa revisión do autor. A obra mantén a cerna dunha historia que se move en «serie negra», cunha singular ubicación no Brasil e coa corrupción no fútbol e na política como coordenadas temáticas principais.Unha feliz re-existencia da primeira novela de Manuel Rivas, o narrador galego máis aclamado do noso tempo.
About the Author
Manuel Rivas (A Coruña, 1957) é escritor e xornalista. A súa obra, escrita en galego, está traducida a máis de trinta linguas e publicada polas máis prestixiosas editoras literarias do mundo. Como narrador ten publicados os seguintes títulos: «Todo ben» (Xerais, 1985, 2010); «Un millón de vacas» (Xerais, 1989, 2023), Premio da Crítica Española; «Os comedores de patacas» (Xerais, 1991, 2021); «En salvaxe compaña» (Xerais, 1994, 2008), Premio da Crítica Galicia; «Que me queres, amor?» (1996), Premio Torrente Ballester e Premio Nacional de Narrativa; «O lapis do carpinteiro» (Xerais, 1998, 2016), Premio da Crítica Española, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Premio Arcebispo Xoán de San Clemente, Premio 50 aniversario da sección belga de Amnistía Internacional (2001); «Ela, maldita alma» (1999); «A man dos paíños» (Xerais, 2000); «As chamadas perdidas» (Xerais, 2002); «Contos de Nadal» (Xerais, 2003); «Os libros arden mal» (Xerais, 2006), Premio Ánxel Casal ao Libro do Ano, Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano, Premio da Crítica, Premio Mellor Libro do Ano Libreiros de Madrid, Premio da Crítica Galicia, Premio Losada Diéguez, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega; «Todo é silencio» (Xerais, 2010), «As voces baixas» (Xerais, 2012), «O último día de Terranova» (Xerais, 2015); «Vivir sen permiso e outras historias de Oeste» (Xerais, 2018), e «Tras do Ceo» (Xerais, 2024), Premio da Crítica Española 2024 e Premio Losada Diéguez 2025, a primeira novela dunha serie histórica que Manuel Rivas vertebra sobre o eixe da caza do home polo home e a depredación da natureza. En «O máis estraño» (Xerais, 2011) ten recompilados todos os seus relatos escritos ata ese momento. No ámbito da poesía, pódense destacar: «Libro do Entroido» (1980), Premio O Facho; «Balada nas praias do Oeste» (1985); «Mohicania» (1986); «Ningún cisne» (1989), Premio Leliadoura; «Costa da morte blues» (Xerais, 1995); «O pobo da noite» (Xerais, 1996); a antoloxía «Do descoñecido ao descoñecido. Obra poética (1980-2003)» (2003); «A desaparición da neve» (2009); «A boca da terra» (Xerais, 2015) e «O que fica fóra» (2021). Para lectorado infantil e xuvenil publicou varias obras: «Bala perdida» (1997; Xerais, 2016); «O sombreiro Chichiriteiro» (Xerais, 2009); «O raposo e a mestra» (Xerais, 2013); «O Chispas» (Xerais, 2020) e «A nena lectora» (Xerais, 2021). Cultivou tamén o xénero do ensaio, con títulos como: «No mellor país do mundo» (1991); «Toxos e flores» (Xerais, 1992); «Galicia, Galicia» (Xerais, 1999); «Muller no baño» (Xerais, 2002); «Unha espía no reino de Galicia» (Xerais, 2004); «Os Grouchos» (Xerais, 2008); «A corpo aberto. Unha ollada «indie» do local universal» (Xerais, 2008); «Contra todo isto. Un manifesto rebelde» (Xerais, 2018) e «Zona a defender. A esperanza indócil» (Xerais, 2020). É codirector da revista «Luzes». En 2022 outorgáronlle a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes e en 2024 foille concedido o Premio Nacional das Letras Españolas.
"About this title" may belong to another edition of this title.